En setembro do ano 2015, na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, todos os países membros aprobaron a Axenda 2030. Entre os seus 17 obxectivos, o cuarto está dedicado á educación. E, dentro deste, a meta 4.7 establece que debe lograrse que
“todo o alumnado adquira os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sostible, entre outras cousas, mediante a educación para o desenvolvemento sostible e os estilos de vida sostibles, os dereitos humanos, a igualdade de xénero, a promoción dunha cultura de paz e non violencia, a cidadanía mundial, a valoración da diversidade cultural e a contribución da cultura ao desenvolvemento sostible”.
Co obxectivo de tornar esta meta realidade, para asegurar que todas as persoas reciban unha educación de calidade para que poidan contribuír a un mundo xusto e sostible, nace o Movemento 4.7. Trátase dun espazo aberto a organizacións, institucións, colectivos e persoas no ámbito individual que, desde diferentes enfoques e propostas, queiran contribuír a pór a meta 4.7. coma un dos eixos fundamentais para atinxir un desenvolvemento sostible e equitativo para todas as persoas.